venres, 14 de xullo de 2017

Consellos para o verán



E como non podía faltar, aquí vos deixamos uns conselliños para o verán. Gozade del e dos vosos pequenos e pequenas.

LINGUAXE:
  •  Pedirlles que nos conten o que fixeron durante o día. Deixarlles que falen escoitándoos con tranquilidade.
  •  Reforzar o trazo do nome, que escriba o dos seus familiares próximos, copiar palabras.
  •  Xogar coas vogais e consoantes que aprendemos.Discriminalas visual e auditivamente, desenvolver o trazo das mesmas, facer xogos con elas
  •  Acostumalos a pedir as cousas por favor, a dar as grazas, saudar, despedirse.
  •  Favorecer a súa linguaxe oral, aumentando o vocabulario coas experiencias deste verán e estruturar correctamente as frases.
  •  Xogar a palabras encadeadas, que empecen por... adiviñas, trabalinguas, poesías, cancións,
  •  Continuar contándolles contos en calquera sitio: o coche, a piscina, ao durmir...
  • Visitar bibliotecas municipais. Facer o carné para poder sacar xogos e contos acordes á súa idade.
ESCRITURA
A escritura pódese practicar en calquera momento aproveitando calquera actividade, poden escribir listas de palabras, ou pequenas frases (ben ao ditado ou por produción propia, con letra maiúscula ou minúscula).
É bo que debuxen e escriban sobre experiencias que tiveron. Pódeselles preparar un caderno con folios grampados deixando a maior parte do folio libre para que debuxen e facerlles unhas liñas debaixo para que escriban sobre o que debuxaron.
Neste traballo non é tanto a cantidade de debuxos e producións escritas como a calidade, estimuládeos a que os seus debuxos sexan ricos en detalles, o traballo sexa limpo, se non se termina nun día termínase en dous.
XOGOS DE LÓXICA-MATEMÁTICA:
  • Xogar con elementos da contorna para clasificar, facer series, contar elementos, operacións sinxelas de sumar e restar (engadir e quitar).
  •  Reforzar a serie numérica, grafía dos números, ascendente /descendente, anterior e posterior.
  •  Lembrar os días da semana, meses do ano, conceptos como grande- mediano-pequeno, duro/brando, xunto-separado, diante-detrás, longo-curto, preto-lonxe, cheo-baleiro, ancho-estreito.
  •  Fomentar os xogos de mesa: dominó, parchís, cartas..
  •  Xogos interactivos .
-Podedes realizar actividades que impliquen a lóxica matemática e o cálculo en situacións cotiás. Por exemplo, para facer a tortilla que fago primeiro, bater os ovos ou botala na tixola, canto vale a barra de pan?, garda os calcetíns no segundo caixón, pon a culler á dereita do prato. Se queredes que traballen un pouquiño podedes buscar pasatempos infantís tipo sudokus, crucigramas, buscar as diferenzas, xogos con números. Podedes xogar cos números xogando ás cartas xogos como o uno. Podedes xogar a quebracabezas, dominó, inicialos ao xogo das damas...

XOGOS ARTÍSTICOS:
  • Facer masas sensoriais e xogar con elas.
  • Proporcionarlles materiais diversos como revistas, xornais vellos, papel de agasallo, tubos de rolos de papel hixiénico, pinceis, acuarelas, tesoiras de punta redonda, pegamento, e permitirlles que invente, que recorten, coloreen, rasguen, modelen e peguen todo o que sexan capaces de imaxinar.
XOGOS DE MOVEMENTO:
Procurar que os nenos/as teñan liberdade para saltar, correr, subir /baixar, procurándolles espazos ao aire libre o máis frecuentemente posible.

NON ESQUECER:
  • O hábito de coller correctamente o lapis, sentar na cadeira e colocar o papel.
  •  Hábitos de aseo, orde e hixiene persoal xa deben ser desenvolvidos de maneira autónoma.
  •  Ofrecerlles demostracións de agarimo con caricias, bicos, cóxegas. Encomiar as condutas positivas sempre pero tamén castigar ou rifar as negativas.
  • Reforzarlles positivamente todos os logros que vaian alcanzando e axudarlles a mellorar aqueles que máis lles custen.
  • Non darlles todo o que pidan e ensinarlles a elixir.
  • Acostumalos a esperar. !Non se poden satisfacer as necesidades ou desexos no mesmo momento!
  • Os nenos/as necesitan estar con outros/as da súa idade para favorecer a comunicación e compartir experiencias socializadoras.

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...